Ata dez centímetros de neve na montaña de Lugo
Con forza nevaba de madrugada na Fonsagrada. En poucos minutos, a neve tinguiu de branco esta vila da montaña luguesa. Co espertar do día, a neve só era un rastro na paisaxe. Non pasou o mesmo en Pedrafita do Cebreiro, onde chegaron a acumularse nas últimas horas ata dez centímetros de neve para deleite de turistas e peregrinos.
"Vimos de Mallorca e viñemos ver a neve que alí é inusual. Estamos unha semana por Galicia vendo a familia".
"Moi bonito, xa fixera este treito do camiño a pé e en bicicleta e sempre é moi bonito, pero nunca o fixera con neve, é moi especial. As estradas están moi limpas e podíase circular ben".
O traballo das máquinas quitaneves fixo que non se rexistraran problemas na rede viaria principal, tan só a primeira hora da mañá había circulación condicionada na estrada local que comunica O Cebreiro con Triacastela.
Mañá soben de novo os termómetros, pero chega Elsa, que deixará chuvia intensa en toda a provincia.