CRTVG

Buscar

Asturias pide que a ría de Ribadeo pase a chamarse ría do Eo

Publicado o 15/04/2021 18:11
Asturias pide que a ría de Ribadeo pase a chamarse ría do Eo

O Concello de Ribadeo remitiu escritos á Subdelegación do Goberno en Lugo e á Consellería de Cultura da Xunta para reclamar que se manteña o nome da ría de Ribadeo, despois de que Asturias trasladara ao Estado unha petición para o seu cambio a ría do Eo. Segundo informa este xoves o Concello, estes escritos tamén foi dirixidos á Real Academia Galega (RAG) e ao Instituto Xeográfico Nacional en relación co topónimo oficial da ría de Ribadeo e co fin de coñecer as pretensións "exactas" de Asturias e en que se basea.

"Non é ría do Verdugo, senón ría de Vigo; non é ría do Landro, senón ría de Viveiro; non é ría do Navia, senón de Navia; e non é ría do Sella, senón ría de Ribadesella. Por tanto, non é ría do Eo, senón ría de Ribadeo", defende o alcalde, Fernando Suárez (BNG). "Non entendemos a necesidade de reabrir este debate nestes momentos, máis cando o Instituto Xeográfico Nacional xa o deixou moi claro no seu informe do ano 2008. É dicir, a ría de Ribadeo é un ben común, tanto de asturianos como de galegos, non é máis dunha beira que da outra, e debe unirnos en lugar de afastarnos", razoa. "Pero vémonos no deber de defender novamente a oficialidade do topónimo da ría de Ribadeo como único válido por todas as razóns que a historia desde séculos atrás avalan e que todas as rías en Galicia, en Asturias e no Cantábrico levan o nome da poboación histórica máis importante", agrega o rexedor do Bloque.

O rexedor considera que "quen está promovendo de novo este enfrontamento interesado debería promover máis a resolución dos problemas que hoxe ten a ría, como os altos niveis de coliformes provocados pola falta de saneamento integral, especialmente pola banda asturiana".

O Instituto Xeográfico Nacional ( IXN) comezou a tramitar a solicitude do Principado de Asturias para que se oficialice o nome de 'Ría do Eo'. A oficialización de topónimos que afecten a máis dunha comunidade autónoma é competencia deste organismo estatal, que xa recibiu o informe que preparou a Dirección Xeneral de Política Llingüística do Principado de Asturias sobre o uso histórico da denominación Ría do Eo. Neste informe, segundo indicou o Executivo asturiano, están recolleitos datos que mostran o uso de ría do Eo en textos administrativos e lexislativos, eruditos, insititucionales, históricos, xornalísticos, literarios ou cartográficos.

Ábrese agora un proceso administrativo para determinar a denominación oficial da ría que fai de fronteira entre Asturias e Galicia.

Noticias web

15/04/2021