CRTVG

Buscar

Asturias deixa de ser a excepción positiva no avance do virus en España

Publicado o 18/10/2020 20:51

No resto do Estado, a progresión do virus segue irrefreable. En Cataluña comunicaron este domingo 2.835 novos contaxios e 16 falecidos. A fin de semana estivo marcada polo peche de bares e restaurantes. Houbo algúnns que tentaron abrir, como este en Barcelona, pero os Mossos actuaron decontado para facer cumprir a normativa.

En Euskadi detectáronse 743 novos casos e doce localidades continúan en alerta vermella. É o caso de Lekeitio.

"Se mañá, luns, os datos empeoran haberá que valorar se temos que ser máis estritos có resto dos municipios de Euskadi", sinala Koldo Goitia, alcalde deste municipio vasco.

Asturias convértese hoxe en nova relevante, porque ofreceu este domingo as peores cifras desde o inicio da pandemia: 269 novos casos nun territorio que ata o de agora constituía unha excepción positiva.

Na comunidade máis poboada, en Andalucía, seguen por enriba dos 2500 contaxios diarios e o virus golpea especialmente tres provincias: Sevilla, Málaga e Granada. Sobre as medidas estritas que afectan á hostalería hai disparidade de criterio.

Unha das comunidades que máis preocupaba a fin de semana pasada, Navarra, está en tendencia estable. Aínda así, contabilizou 411 contaxios e seis falecementos, unha cifra elevada en función da súa poboación.

Noticias web

18/10/2020