Asturias e Aragón súmanse ao peche perimetral xa en vigor en Navarra e A Rioxa
Logo de Navarra e A Rioxa, son Asturias e Aragón as seguintes comunidades en pechar os seus territorios, amparadas no estado de alarma vixente dende onte.
Aragón aplicará desde esta medianoite un confinamento perimetral de toda a comunidade autónoma, de forma que non se poderá saír ou entrar salvo por motivos xustificados.
Esta medida aplicarase desde a medianoite deste martes, 27 de outubro, ata o 9 de novembro, e ademais manterase o confinamento das tres capitais de provincia respecto do resto do territorio aragonés, e mais o horario do toque de recollerse marcado polo Goberno, de 23:00 a 06:00 horas.
Así o indicou o presidente de Aragón, Javier Lambán, nunha rolda de prensa ao termo da conferencia de presidentes; nela lembrou que a comunidade autónoma, de acordo co decreto lei aprobado polo seu Goberno a semana pasada, entra este luns no nivel 3 de alerta, o máis restritivo, porque así o aconsella a evolución da pandemia da covid−19.
Explicou que Aragón quedará por tanto confinada en todo o seu perímetro, de forma que non se poderá saír cara a outras comunidades nin entrar "salvo por causas estritamente xustificadas", e que se mantén esa medida en Zaragoza, Huesca e Teruel. Aplícase desde o pasado xoves, ao abeiro dun decreto lei que se manterá con independencia do estado de alarma, porque as semanas vindeiras "son claves para reducir a curva" de contaxios.
Aragón encadeou a semana pasada cinco días con récord na notificación de contaxios de coronavirus, aínda que os casos provisionais de Saúde Pública de onte baixan a case a metade do número máximo, ao pasar de 1.345 a 772.
Por outra banda, explicou que en Aragón vai manter o horario de toque de recollida marcado polo Goberno por decisión do departamento de Sanidade seguindo criterios "estritamente sanitarios".
"Entenderon que ese era o horario razoable e eu defendo cos ollos pechados o que eles din", remarcou Lambán.
Ademais do confinamento perimetral da comunidade, desde hoxe aplícase o nivel 3 de alerta con medidas que afectan en gran medida ao sector da hostalería, co peche ás 22:00 horas (fóra da comida a domicilio) e a prohibición do consumo no interior dos locais.
Asturias decretará o peche esta tarde
O presidente do Principado, Adrián Barbón, exporá esta tarde no comité de crise da covid−19 o peche perimetral de toda Asturias, despois de que o pasado venres xa se establecese esta medida para as tres principais cidades da comunidade autónoma, Oviedo, Xixón e Avilés.
Barbón foi a semana pasada un dos primeiros presidentes autonómicos en solicitar ao Goberno central que se decretase o estado de alarma para dotar as comunidades das garantías xurídicas necesarias para establecer novas restricións que axuden a conter a segunda onda da pandemia.
O pasado venres, o Principado decretou o peche perimetral das tres principais cidades asturianas e ordenou o peche de toda a actividade comercial ás 22:00 horas e da hostalería ás 23:00 horas.
O comité de crise da covid−19 volverá reunirse este luns para analizar a aplicación do estado de alarma en Asturias e, segundo avanzaron fontes do Executivo, Barbón exporá o peche perimetral de toda a comunidade autónoma.
O presidente autonómico convocou unha conferencia de prensa ás 17:00 horas deste luns. Nela concretará as novas medidas adoptadas.