CRTVG

Buscar

AstraZeneca entregará 40 millóns de doses no primeiro trimestre do ano

Publicado o 01/02/2021 15:47

Serán finalmente 40 millóns de doses as que lle entregará AstraZeneca á Unión Europea no primeiro trimestre do ano, ata marzo.  Despois de máis dunha semana de discusións, presións e mesmo ameazas polo atraso na entrega das vacinas.

A farmacéutica británica recúa e cumprirá o pactado. O anuncio facíao a través de twitter a presidenta da Comisión Europea tras a reunión que mantivo por videoconferencia cos máximos executivos dos grupos farmacéuticos con que Bruxelas asinou contratos para obter 2.300 millóns de doses, entre eles AstraZeneca.

Ursula Von der Leyen considera un paso adiante que a farmacéutica británica entregue máis doses, que o faga unha semana antes do previsto e que aumente a súa capacidade de producción en Europa.

"É hora de cumprir", reiteraba nos últimos días a presidenta da Comisión. 

Con todo, eses 40 millóns comprometidos agora por AstraZeneca están lonxe dos 80 que se fixaran a final de ano. Son exactamente a metade. 

As tirapuxas dos últimos días co xigante británico, que comezaban o día 22 cando anunciaba que non ía poder cumprir o asinado, puxeron tensión nas relacións co Executivo de Boris Johnson.

O Reino Unido chegou a dicir que só compartiría doses cos seus exsocios europeos se non afectaba ao seu plan de vacinación.

Unha conversa telefónica o venres á noite de Von der Leyen con Johnson axudou a calmar as augas. Ese mesmo venres facíase público o contrato que obriga a AstraZeneca a buscar solucións para entregar as doses ao continente europeo. Ese contrato deixaba claro que o Reino Unido non ten prioridade. 

Á desaceleración da campaña de vacinación pola escaseza das doses e os problemas burocráticos sumouse o choque coas farmacéuticas polos atrasos.

Hoxe a chanceler alemá Angela Merkel vaise reunir coas farmacéuticas para tratar os problemas de subministración. No encontro participarán os xefes de goberno dos 16 estados federados. 

Noticias web

01/02/2021