Aspas, na TVG: "Creo que nos podemos salvar con cinco puntos máis"
O home do momento en Vigo atendeunos nada máis rematar o adestramento esta tarde. Tras meses de ausencia, Iago Aspas foi determinante na remonta protagonizada polo equipo nas últimas xornadas. O descenso está agora a dous puntos. Estas son as contas que fai o de Moaña para garantir a permanencia do Celta en Primeira.
"Con 5 puntos, eu creo que con 40-41, eu creo que si. Non todos poden sumar porque hai tamén enfrontamentos entre varios equipos. Está moi, moi apertado, como che digo, puntúan case todos se non é un punto son 3. Creo que estará aí rozando os 39-40 puntos porque non creo que dos 12 todos sumen 6", di Aspas.
Hai uns días se fixo viral a través da conta de Twitter desta casa unha entrevista que a TVG lle fixo a Aspas con 11 anos. Nela falaba dos árbitros, de Mostovoi... non perdan a reacción do futbolista ao vela hoxe de novo.
A semana pasada o Celta anunciaba a renovación de Iago que, como saben, vestirá de celeste os próximos catro anos. Falamos con el desta extensión do seu contrato. Iago confesounos que antes rexeitou unha oferta multimillonaria do fútbol chinés. Tamén nos deu algún detalle.
"Si, bastante, non vou entrar en detalles porque non creo que a todo o mundo lle importe, pero si que era moi boa". "Como mínimo triplicaba o teu soldo?". "Máis, máis do triplo, do que gañaba antes moitísimo máis. A ver, o diñeiro, como dixen en anteriores entrevistas, é moi atractivo. Para min se alguén que cobra 1.000 lle din que vai cobrar 5.000 pónselle a cara vermella, pero eu estou moi tranquilo, páganme ben, gozo moitísimo dentro do terreo de xogo e valoro outras cousas tamén, como estar na casa".