CRTVG

Buscar

Asistimos a unha xornada de adestramento de porcos celtas en Castro de Rei

Publicado o 03/06/2019 13:59

Dentro da Semana Verde de Galicia vaise celebrar o concurso nacional de manexo de porco celta. Nel, os cochos participantes deberán completar un circuíto co tempo xusto, polo que levan meses preparándose para facer alarde das súas habilidades. 

Esta femia, Asia, é unha das participantes no concurso de manexo de porco celta que se vai celebrar dentro da Semana Verde de Galicia. O seu criador, de Castro de Rei, leva tempo preparándoa para a proba, que consiste en superar un circuíto en menos de tres minutos.

José Vega, criador de porco celta: "A proba consiste en pasar unha serie de obstáculos no mínimo tempo posible e ao final subir a un remolque. Estamos preparándoa aquí na casa como se pode, improvisando para facer uns obstáculos e simular o circuíto e subíndoa ao remolque".

No primeiro certame, que se celebrou o ano pasado, Asia quedara de segunda. Desta volta, aspira a ser a campioa entre os sete exemplares participantes, pero non será doado.

José Vega, criador de porco celta: "Complícase desde un principio, que o animal está nun hábitat completamente distinto á explotación e entón sempre pode fallar un pouco máis. Pero polo resto ben".

Cruz Castro, veterinaria de Asoporcel: "No concurso de manexo de porco celta imos pola segunda edición, a que se vai celebrar este ano, e van participar sete criadores. Algúns deles repiten e temos algún novo. Creou moita expectación o ano pasado e esperamos que este ano tamén. Ademais do concurso de manexo, faise o concurso morfolóxico. Ademais, este ano imos ter un photocall de porco celta cun concurso para a xente que faga fotos. E na zona de alimentación tamén se van facer catas e degustación de produtos de porco celta, como novidade na Semana Verde".

A proba celebrarase o domingo á tarde no recinto feiral de Silleda.

Noticias web

03/06/2019