CRTVG

Buscar

Asistimos a un simulacro de rescate no porto exterior de Ferrol

Publicado o 17/01/2017 13:46

Formar profesionais de salvamento ou mergulladores, e adestralos nas técnicas máis seguras é parte dos obxectivos destes cursos 

Formar profesionais de salvamento ou mergulladores, e adestralos nas técnicas máis seguras é parte dos obxectivos dos cursos que se realizaron hoxe en Ferrol. No porto exterior ensináronlles a manexarse nun rescate empregando unha campá húmida, un dispositivo que lles permite aos mergulladores facer inmersións con máis seguridade, e da que só hai outro dispositivo en Cartaxena.

Facer un rescate a noventa metros de profundidade baixo o mar é unha tarefa excepcional e ao alcance de poucos mergulladores. Dentro do seu proceso de formación, unha ducia de alumnos realizou varias prácticas de inmersión no porto exterior de Ferrol, ao abeiro dun curso do Instituto Galego de Formación en Acuicultura en colaboración con Salvamento Marítimo.

Os alumnos simulan o rescate dun compañeiro a varios metros de profundidade para o que empregan unha campá húmida, un dispositivo en que poden respirar sen máscara e saír libremente ao fondo mariño. En todo momento son monitorizados dende a superficie.

O exercicio durou vinte minutos e polas caras dos participantes, o rescate simulado foi un éxito.

Só existe outra campá como esta en Cartaxena. Con estes dispositivos Salvamento Marítimo pretende que os futuros rescatadores fagan o seu traballo con máis seguridade e máis eficacia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/01/2017