CRTVG

Buscar

Asinado un protocolo para recuperar a práctica deportiva nos centros escolares

Publicado o 03/05/2021 16:09
Asinado un protocolo para recuperar a práctica deportiva nos centros escolares

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron un protocolo de colaboración para o fomento do deporte no ámbito escolar como medida complementaria ao Plan Recupera, para apoiar o alumnado que máis o precise.

A actuación estruturarase a través dun grupo de traballo Educación-Deporte constituído por profesionais do ámbito da actividade física e da educación, que analizarán a situación actual do deporte escolar e deseñarán accións para a integración do deporte en todos os niveis educativos, especialmente no horario lectivo.

Tal e como explicou o conselleiro, "este protocolo é tan só un paso máis na busca conxunta de sinerxías positivas que dean resposta ás necesidades e demandas do alumnado galego", e con el o Goberno galego quere favorecer a implementación de proxectos de vida activa nos centros educativos mediante a colaboración interinstitucional.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte sinalou que a actividade física debe ter unha "presenza insubstituíble no desenvolvemento persoal e social". Para iso fixo fincapé na necesidade de "potencialo dende as idades mais novas, a través da continuo aprendizaxe de condutas e valores, e nas contornas naturais de colexios, familias e, por suposto, das entidades deportivas".