CRTVG

Buscar

Así vivían os líderes de Resistencia Galega no seu refuxio en Fornelos de Montes

Publicado o 24/06/2019 14:27

Tras a detención de quen considera os seus líderes e da incautación das derradeiras pertenzas do grupo, o Ministerio do Interior dá por desmantelada a organización Resistencia Galega. Hoxe as nosas cámaras puideron, por primeira vez, acceder ao escondedoiro de Antón García Matos, Toninho, e de Asunción Losada.

Neste lugar concluíu, a semana pasada, a fuxida de 13 anos da parella, quen sobreviviu, polo menos desde 2014, en condicións precarias nesta casa da aldea abandonada de Baños. Durante as 13 horas de rexistro na compaña dos dous detidos, os investigadores vencellados á operación Lusista debullaron cada centímetro deste asentamento. Comisaron tres armas e numerosa documentación.

Semella un refuxio idílico, limpo, coidado e ordenado, que dista quilómetros da última pista asfaltada, por tanto, en pleno contacto coa natureza. Pero a estadía neste lugar é pura supervivencia. O butano e unha pequena placa solar son as únicas fontes de enerxía da vivenda, en cuxo teito se abre un burato tapado cunha lona.

Durante os últimos cinco anos foi o escondedoiro de Antón García Matos, Toninho, e de Asunción Losada Camba, considerados os líderes da xa desmantelada Resistencia Galega e detidos por orde do Xulgado Central número 6 da Audiencia Nacional por presunta pertenza a banda terrorista, tenza e manipulación de explosivos e falsidade documental. Durante días, os especialistas buscaron as derradeiras pertenzas da organización e, entre os útiles persoais da parella, deron con tres armas, cartos en metálico e moita documentación. O perímetro policial, agora levantado, incluíu tamén outras dúas vivendas situadas a poucos metros da que ocuparon estas dúas persoas. En tempos, tiveron outros inquilinos, pero os investigadores sospeitan a posibilidade de que nalgún intre fosen utilizadas polo grupo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019