Así vive Eladio o confinamento: é cego e vive só no rural
Eladio Fernández, un veciño de Ventas de Narón, en Portomarín, ten 67 anos, é cego e vive só no medio rural. Estas circunstancias poden facer pensar que non leva ben o confinamento, xa que ata marzo se desprazaba tres veces á semana a Lugo a diferentes actividades. Non obstante, asegura estar afacéndose perfectamente grazas a que recuperou a afección por facer figuras de madeira. E é que, malia a súa discapacidade, leva nas mans o talento de varias xeracións de carpinteiros. Ademais, aproveita para retomar as clases de inglés que tiña esquecidas.
"O inglés, as manualidades... cousas de antes. Como agora non se pode facer nada polo coronavirus, recuperei o antigo".
Eladio só sae da casa para dar pequenos paseos en que atende o seu can e revisa o estado dos carballos centenarios que hai na parroquia. Para a limpeza da casa conta co servizo de axuda no fogar e a comida sérvella unha empresa de cátering de Silleda. Di que o que máis bota de menos é o paso dos peregrinos que nesta época do ano xa ateigaban o Camiño que transcorre diante da súa casa e a quen selaba a compostela.
"Da teleasistencia chámanme cada dous ou tres días a ver como vou. E a comida tráema un servizo de cátering".
Os cursos semanais de cestería e a ximnasia son cousas que bota de menos, pero insiste en que non vai saír da súa parroquia ata que remate a pandemia.