CRTVG

Buscar

Diego Pasantes: "En Londres, non houbo saturación da Sanidade e agora coa desescalada agárdase unha repunta de casos"

Publicado o 21/05/2020 11:33

O Reino Unido xa suma 250.000 contaxios e máis de 35.000 mortos. É o país de Europa con máis persoas afectadas despois de Rusia. Diego Pasantes é un enfermeiro galego en Londres, e no seu día libre confesa no Bos Días que a situación é absolutamente estraña: "Cando vimos o que acontecía en España pensamos que ía ser un desastre tremendo. Nese momento preparámonos en conxunción cos militares. Preparouse un súper hospital á beira do Támese e ademais houbo moitos puntos de contención". Pasantes recoñece que o máis duro son as cifras de contaxios e falecidos, pero que non chegou a haber unha saturación do sistema sanitario.

Sobre a situación actual engade: "Estamos entrando na desescalada. Eu traballo no lado privado e no meu hospital cambiaron os quirófanos para aumentar as camas de coidados intensivos. Agora esa área pechou. O último paciente saíu hai dous días. Agora esperamos por se vén a repunta. Estamos intentando volver ao normal porque as operacións están todas paradas. Só se fan emerxencias".

Sobre o número tan elevado de mortos no Reino Unido, Pasantes critica unha falta de actuación rápida: "Os contaxios iniciais producíronse por non parar. Os países que o viron vir e actuaron primeiro teñen uns números máis baixos. Cando España xa estaba no confinamento, en Inglaterra aínda se estaba de discoteca, e xa se sabía que o virus estaba en Europa".

Noticias web

21/05/2020