CRTVG

Buscar

Así queda o mapa de restricións en Galicia a partir do venres

Publicado o 03/03/2021 12:29

O de Soutomaior é o único concello de Galicia que estará no nivel máximo de restricións, unha illa vermella onde a hostalería estará pechada e os veciños tamén: non poderán saír nin entrar do municipio sen causa xustificada e tampouco xuntarse entre eles. Aquí, a incidencia acumulada supera os 500 casos por cada cen mil habitantes.

No seguinte nivel, o segundo, continuarán as áreas sanitarias de Pontevedra e da Coruña ao completo, e outros 10 concellos do resto de Galicia: Cariño, Guitiriz, Lourenzá, A Pobra de Brollón, Tordoia, Porto do Son, Mos, Mondariz, Pazos de Borbén e Boborás. Nestes casos, a hostalería abrirá só na terraza e ao cincuenta por cento. As reunións poderán ser ata catro non conviventes e a mobilidade estará permitida entre todos os concellos do seu mesmo nivel, excepto os das áreas sanitarias de Pontevedra e da Coruña que, como ata agora, só se poden mover dentro da súa área.

Finalmente, no nivel 3, o de menos restricións, estará o resto de Galicia, a maior parte. Ás áreas sanitarias de Lugo, Ourense, Vigo e Santiago súmase a de Ferrol, pola melloría nos datos, coa excepción de Cariño. Neste nivel, a hostalería abre en interior ao 30 % e na terraza ao 50 %, as agrupacións de ata 4 non conviventes e a mobilidade está permitida entre concellos do mesmo nivel sen excepcións.

Noticias web

03/03/2021