CRTVG

Buscar

Así é o protocolo para gozar do ocio nocturno en Galicia

Publicado o 01/07/2021 19:15
AXENCIAS

O lecer nocturno arrinca este mes de xullo en Galicia cun protocolo de actuación que se abordou co sector e despois dunha proba piloto o pasado 12 de xuño. Varias semanas despois, reábrense as portas destes locais ata as 3 da madrugada e coa obrigatoriedade de usar a máscara en todo momento, pero non serán obrigatorias as probas de detección de SARS-Cov-2, como si se fixeron para a experiencia pasada.

Haberá outras limitacións, como son restricións na capacidade do local ata un máximo de mil acodes por establecemento, indepedentemente da súa dimensión.

No interior, está restrinxido ao 50 por cento e no exterior ao 100 por cen e só poderán abrir naquelas localidades nas que rexa o nivel de restricións máis baixo, polo que a cidade de Pontevedra queda fóra desta reapertura como consecuencia dos positivos vinculados ao megagromo de Mallorca e que están asociados a esta área sanitaria.

Os locais deberán ademais declarar e manter accesible ao público a súa capacidade máxima, interior e exterior; unha sinalización que debe figurar tamén nas estancias interiores (salas diferenciadas e pistas de baile), pois nelas é igualmente necesario coñecer a ocupación permitida.

O uso da máscara é a norma, de modo que unicamente pode retirarse no momento do consumo ou para fumar se tal acto leva a cabo fóra dos lugares de circulación de viandantes. Recoméndase aos establecementos que dispoñan de máscaras para os clientes, por se é necesario a subministración para repartir entre eles.

Distancia de seguridade de 1,5 metros entre agrupacións, que non poderán superar as seis persoas en interior e 15 en exteriores, son outras medidas que inclúe este protocolo que se publicou este xoves con entrada en vigor de forma inmediata.

Pódese usar a pista de baile (dous metros cadrados por cada usuario), pero non se permite o consumo en barra, aínda que si o servizo aos clientes respectando distancia de seguridade e impedindo a formación de aglomeracións.

 Os aseos tamén terán capacidade limitada a unha persona para espazos de ata catro metros cadrados salvo necesidade de acompañante. Nos espazos máis amplos, haberá un máximo do 50 por cento de aforamento con respecto ás cabinas e orinais. Débense establecer controis de afluencia para os clientes a esa zona.

Sobre as probas de detección do virus, o DOG recolle que "poden formar parte da estratexia individual dos titulares dos establecementos para a prevención da transmisión", pero "non se recolle como requisito que se vaia a implantar en todo o sector de cara á reactivación".

O Diario Oficial de Galicia establece que os concellos, no ámbito das súas competencias en materia de control sanitario, deberán vixiar o cumprimento das medidas do protocolo, que tamén inclúen un detallado regulamento para a ventilación dos locais e a medición do CO2 e obriga a un rexistro de clientes,

Nome, apelidos, teléfono, data e hora de acceso, estes son os datos para cumprimentar e que a dirección do establecemento haberá de custodiar durante 28 días antes de destruílos. A mencionada información soamente poderá ser cedida ás autoridades sanitarias en caso de detectarse un gromo de covid-19 e coa "única finalidade de seguimento de posibles contactos".

 

 

Noticias web

01/07/2021