CRTVG

Buscar

Así cambiou o pazo Baión 12 anos despois da súa venda

Publicado o 16/07/2020 15:40

O pazo Baión volveu simbolicamente ás mans dos galegos hai 12 anos, erixido nun emblema da loita contra o narcotráfico. E tal día coma hoxe, en 2008, comprouno a adega Condes de Albarei.

Restarouno o arquitecto César Portela, e un libro agora reeditado recolle como foi cambiando ata converterse nunha xoia do enoturismo.

A súa primeira construción data da Idade Media. O pazo actual levantouno un emigrante retornado que plantou un palmeiral que vemos entre viñedos. A finais dos oitenta pasou ás mans de Laureano Oubiña e Esther Lago. Unha época resumida na icónica imaxe das nais contra o narcotráfico manifestadas na porta.

A propia Carmen Avendaño protagonizaría anos despois, abrindo a verxa, a entrega simbólica do pazo Baión aos galegos.

O Estado intervira a propiedade na operación Nécora e a xustiza tardara anos en permitir a súa venda. Nese 2008 mercouno a cooperativa Condes de Albarei.

Agora, as cincocentas familias da cooperativa son copropietarias deste pazo que hai dous anos Oubiña usou de fondo para o seu libro.

Pero estoutro libro agora reeditado garda moita máis historia. Toxicómanos en rehabilitación traballan cada ano nas vendimas deste reputado destino de enoturismo que demostra que pola súa porta pasa tamén o futuro.

Noticias web

16/07/2020