CRTVG

Buscar

Ascenden a tres os positivos detectados en dous barcos de Burela atracados en Cantabria

Publicado o 13/07/2020 16:41
Ascenden a tres os positivos detectados en dous barcos de Burela atracados en Cantabria

A actividade pesqueira en Santoña (Cantabria) funciona este luns con "absoluta normalidade" e con "todas as garantías sanitarias" a pesar dos tres casos de Covid-19 detectados durante a fin de semana en dúas embarcacións de Burela atracadas na vila, polos que un total de dez mariñeiros, entre eles os tres positivos, foron postos en illamento no albergue de Solórzano.   

Así o asegurou o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Guillermo Blanco, quen asistiu, á primeira hora da mañá deste luns, á poxa na lonxa de pesca co obxectivo de transmitir "unha mensaxe de tranquilidade", tanto aos profesionais que traballan neste porto, como no conxunto do sector, entre lonxas, confrarías e barcos, como aos profesionais do sector conserveiro e aos consumidores.   

O conselleiro asegurou que contan coas medidas sanitarias suficientes para garantir a saúde pública e a vida dos pescadores, provedores e traballadores desta instalación portuaria, unha das de maior actividade pesqueira da rexión.   

"Estamos a redobrar esforzos para que o noso sector pesqueiro poida desenvolver a súa actividade coas máximas garantías sanitarias nestes momentos tan delicados e con tantas adversidades que desgraciadamente estamos a vivir", subliñou o conselleiro.   

O conselleiro, ademais de aos pescadores, estendeu o seu agradecemento ás familias destes e ao resto de profesionais do sector pesqueiro, como conserveiros e  semiconserveiros, produtores e  acuicultores.

"Temos que estarlles eternamente agradecidos polo que fan por nós e creo que agora é o momento de devolverlles todo ese esforzo", recalcou.   

Tamén tivo palabras de ánimo para os dez mariñeiros que se atopan en corentena nun centro covid do Goberno de Cantabria (o albergue de Solórzano) e confiou en que poidan recuperarse canto antes para volver ao mar e contribuír "coa súa profesionalidade e esmero ao desenvolvemento da actividade pesqueira".   

Neste sentido, o conselleiro explicou que o domingo mantivo unha conversación coa conselleira  do Mar de Galicia, Rosa Quintana, a quen mostrou o apoio do Executivo rexional e asegurou que os pescadores "van estar en boas mans". "Igual que a nós nos gustaría se algo ocorre cos pescadores de Cantabria fóra da nosa rexión", destacou.