Ascenden a sete os contaxiados vinculados ao novo brote orixinado en Vigo

Os contaxiados no novo brote orixinado en Vigo e vinculado a unha fiscal da cidade que se atopaba de vacacións ascenderon a sete tras coñecerse os resultados de varias probas PCR realizadas aos seus contactos.
Fontes do Servizo Galego de Saúde detallaron que estas persoas se atopan illadas nos seus domicilios, así como que profesionais sanitarios realizan un seguimento das mesmas.
En concreto, os feitos tiveron lugar esta fin de semana, cando se confirmou o primeiro do tres casos, unha muller fiscal que nos últimos días non traballara debido a que se atopaba de vacacións.
Posteriormente, foron sometidos a probas PCR os seus contactos, o que permitiu confirmar dous novos contaxios na súa familia.
Deste xeito, estas tres persoas permaneceron illadas nos seus domicilios e comezáronse a realizar probas PCR ao círculo máis próximo da muller, que suma entre 10 e 15 persoas, o que permitiu confirmar catro novos casos.
Este é o terceiro brote detectado na área de Vigo, onde a pasada semana se confirmou outro de orixe familiar que sumou seis positivos na localidade veciña do Porriño.
Tamén se detectou durante estes últimos días outro foco na Cidade Olívica, onde un pai contaxiou o seu fillo e un amigo deste.
Neste momento, todas as persoas contaxiadas da zona permanecen illadas nos seus domicilios, agás dous adultos, que se atopan ingresados, un deles na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) desde esta fin de semana.