Ascenden a 92 os mortos e a 128 os feridos no atentado rexistrado en Somalia
Ascenden xa a 92 os mortos no atentado de hoxe en Somalia e a lista de feridos suma 128 persoas. Os sanitarios pedíronlle á poboación que vaia doar porque moitos feridos están morrendo por falta de sangue.
O atentado ocorreu nun posto de control das aforas de Mogadixo cando un presunto suicida fixo estoupar unha furgoneta. Entre os mortos hai como mínimo dezasete universitarios e tamén dous enxeñeiros turcos que estaban mellorando a vía. De momento, ningún grupo terrorista proclamou a autoría do masacre, pero sospéitase de Al Shabad, unha filial de Al Qaeda que actúa na zona e que rexeitara a construción da estrada.
O Goberno de España amosou a súa "máis enérxica" condena polo atentado terrorista ocorrido en Mogadixo no que faleceron polo menos 92 persoas e outras 130 resultaron feridas. Nun comunicado remitido polo Ministerio de Asuntos Exteriores, o Executivo trasládalles as súas condolencias aos familiares e achegados das vítimas. Tamén desexa unha pronta recuperación aos feridos.
España reafirma o seu pleno apoio na loita contra o terrorismo, e amosa a súa confianza na capacidade de Somalia para progresar na senda da paz, a estabilidade e o crecemento económico.