CRTVG

Buscar

O macrogromo de Mallorca deixa xa 184 galegos contaxiados, dez deles confinados na illa

Publicado o 03/07/2021 13:08

• Gardan corentena na casa os 21 rapaces evacuados, cinco deles, positivos

Os positivos galegos en covid-19 asociados ao megagromo de Mallorca ascenderon este venres a 184; con Pontevedra como provincia máis afectada con 139 (14 da área de Vigo), 24 a Coruña, 17 a Lugo e 4 a Ourense, informou a Consellería de Sanidade.

Os novos cribados permitiron detectar estas infeccións, indicou o mencionado departamento, que cifrou en algo menos de medio milleiro os contactos estreitos. Os gromos nas Baleares, debidos a viaxes estudantís, orixináronse nun concerto de reguetón na praza de touros de Palma e en diferentes festas en barcos e hoteis.

Na illa aínda continúan dez mozos galegos que teñen un diagnóstico confirmado de covid. Para eles a Xunta baralla como mellor opción que finalicen a corentena na alí ata dar negativo. Están ben de saúde e baixo control médico.

Gardan corentena na casa os 21 rapaces evacuados, cinco deles, positivos

Chegaron moi cansos, tras 24 horas de viaxe, doce delas en autocar desde Valencia. Esgotados pero contentos de que os trouxeran de volta. O autobús deixou 7 rapaces en Arteixo e 9 en Vimianzo. "Houbo un momento en que estaban desmoralizados porque algúns compañeiros daban positivo e tiveron que vir en ambulancia", explica José Luis Juan, o condutor do autobús.

Persoal sanitario acompañou en todo momento os rapaces, tanto os que puideron viaxar no autobús como os cinco que o fixeron en ambulancia. Todos deberán estar confinados e realizar novas probas PCR. Estiveron xuntos no barco e despois no bus ata que se soubo o resultado dos tests no porto de Valencia. "Seguridade? Eu estou seguro, estou vacinado. O problema é que as familias non están vacinadas. Agora nós imos descansar un pouco e baixar a Valencia e non sabemos se imos entrar en corentena", di Juan. 


 

Noticias web

03/07/2021