CRTVG

Buscar

Ascenden a 938 os casos activos na peor suba (+111) en tres semanas en Galicia

Publicado o 13/08/2020 11:37

• A área da Coruña segue a ser a que máis casos suma (+81)

Un novo pasamento en Ourense eleva a 623 os falecidos

Galicia rexistra hoxe a maior suba de casos activos dende hai tres semanas. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 938, son 111 máis ca onte.

Os aumentos de casos activos elevan as cifras en Galicia a niveis de 22 de maio. A situación na área de Coruña neste sentido é peor: non se alcanzaran niveis tan altos de casos activos dende o 11 de maio.

Un falecido

Cuarta vítima mortal por coronavirus en Galicia nunha semana. Trátase dun home de 90 anos contaxiado no gromo detectado en Vilar de Barrio e que estaba ingresado no Hospital de Ourense desde o 30 de xullo. A súa muller, de 91 anos, faleceu o 8 de agosto tamén pola covid.

Son xa 623 persoas as que perderon a vida nesta pandemia en Galicia.

Do total, o 58% dos casos corresponden á área sanitaria de Coruña, que alcanza os 544 (+81). No que respecta ao resto, hai 93 (+9) da de Lugo, 60 da de Ourense (+6), 51 da de Pontevedra (+6), 118 da área de Vigo (+2), 43 da de Santiago (-2), e 29 da de Ferrol (+9).

Gromos por toda a xeografía

A cifra de contaxios segue imparable: achégase ao milleiro de casos activos: 938. Soben en todas as áreas sanitarias agás en Santiago onde contan dous menos da onte: 43.

Despois da Coruña, é a área de Vigo a que ten máis casos activos: 118, con 10 gromos.

Novas tranquilizadoras chegan da área sanitaria de Lugo: as autoridades estiman que o gromo detectado en Castro de Rei está acoutado. As preto de 200 probas realizadas ata agora entre os xornaleiros dos invernadoiros que convivían ou traballaban cos 6 contaxiados deron negativo.

Aínda que hoxe seguen os rastrexos e realizaránse un cento de probas a traballadores da mesma explotación. Os 6 infectados e os seus contactos estreitos seguen confinados na vivenda que comparten.

Do gromo de Vilar de Barrio (Ourense) hai 8 casos activos. En total na área sanitaria de Ourense hai 60 persoas infectadas.

Soben tamén os positivos na área de Pontevedra: hai 51. O gromo máis importante é o que afecta 12 persoas en Caldas.

Unha das maiores repuntas rexistrouse en Ferrol. Orixinouse nun campamento de verán en Cerdido. Hai 13 contaxiados: 3 monitores, dous nenos e 8 persoas coas que tiveron contacto. O campamento suspendeuse e segue o rastrexo de contactos para frear a repunta, que xerou certa intranquilidade entre os veciños.

 

Balance xeral

Do total de pacientes positivos, 1 está en UCI, 40 en unidades de hospitalización e 897 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.506 persoas curadas, rexistrándose 623 falecementos. A última persoa falecida foi un home de 90 anos de Vilar de Barrio que estaba ingresado no CHUO e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas ata o de 272.115. Onte fixéronse 2.667.