CRTVG

Buscar

Ascende a 11 o número de mortos en Italia por coronavirus e a 323 os contaxiados

Publicado o 25/02/2020 22:10

 

A epidemia do coronavirus segue avanzando país a país, xa con quince mortos en Irán e once en Italia. Nos países máis afectados crece o medo ao desabastecemento dalgúns produtos, mentres a máis longo prazo os responsables económicos empezan a valorar o posible impacto dunha epidemia que afecta as comunicacións e á cadea global de produción.

O mal contaxiouse xa a 30 países e hai 80.000 afectados, aínda que a inmensa maioría, máis de 77.000, están na China, onde as mortes superan as 2.600. Nese país, con todo, a progresión do mal está a frearse, co número máis baixo de contaxios adicionais desde o principio da crise. Non así nos demais focos, sobre todo en Irán e Italia.

Chega ao sur de Italia

Producíronse hoxe catro falecementos máis, sumando un total de once, e o número de afectados supera as 320 persoas. As autoridades italianas insisten en que as mortes se producen nos grupos vulnerables, maiores de 80 anos. E o primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, asegurou hoxe que o seu país é un lugar "seguro, quizá moito máis que outros". Italia illou dez municipios con 50.000 persoas que se atopan en corentena e mesmo efectivos do exército controlan que a zona permanece pechada ao mundo exterior. Ademais, o virus, por primeira vez, saíu do norte de Italia; xa hai tres casos declarados en Palermo, na illa de Sicilia.

O Goberno italiano pediu confianza ao resto do mundo para que non restrinxan as chegadas as visitas despois de que algúns países cortasen o tráfico aéreo co país europeo. Con ese obxectivo o ministro de Sanidade, Roberto Speranza, reuniuse hoxe en Roma coa comisaria europea de Sanidade, Stella Kyriakides, e cos seus homólogos dos países confinantes, Austria, Francia, Eslovenia e Suíza, ademais de Croacia e Alemaña.

Pero noutros países afectados, como en Suíza ou en España, os afectados son ou italianos ou persoas que viaxaron a Italia, como é o caso da primeira infectada detectada na península ibérica, unha muller de Cataluña que estivera no norte de Italia. As propias autoridades europeas, o Parlamento e a Comisión, pediron aos seus funcionarios que viaxasen ás rexións afectadas do norte de Italia que queden en casa 14 días.

15 mortos en Irán

No caso de Irán resulta tristemente irónico que un dos portadores da enfermidade sexa precisamente o viceministro de Sanidade, Iraj Harirchi, quen colgou un vídeo este martes informando de que contraeu o COVID-19. Tamén está contaxiado o deputado reformista Mahmud Sadeqí, quen se mostrou menos optimista que Harirchi. Nunha mensaxe en Twitter confirmou a súa enfermidade e dixo que ten "poucas esperanzas" de sobrevivir.

O coronavirus causou xa a morte de polo menos 15 persoas en Irán, a cifra máis alta tras a China. O Ministerio de Saúde iraniana informou este martes de que se rexistraron 34 novos casos de contaxio, dos que tres pacientes faleceran, aumentando as cifras oficiais a 15 mortos dos 95 infectados. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), logrouse determinar que na cidade chinesa de Wuhan, lugar onde se orixinou a epidemia, a taxa de mortalidade foi ata o de agora de 2,4 %, mentres que fóra desa xurisdición redúcese ao 0,7 %.

Con todo, no caso de Irán, se son reais as cifras de contaxios e falecementos facilitados polo Goberno, esta taxa é a día de hoxe do 15 %, o que leva a pensar que o balance de enfermos non é correcto. Todos os veciños de Irán pecharon as súas fronteiras e cada día novas compañías anuncian restricións dos voos para Irán, Italia, Corea do Sur ou mesmo ao Xapón, veciño da China. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2020