CRTVG

Buscar

Asasina a súa muller en Castelló diante dos seus dous fillos menores de idade

Publicado o 20/03/2020 11:30
Asasina a súa muller en Castelló diante dos seus dous fillos menores de idade

A Garda Civil investiga un posible caso de violencia machista ocorrido este xoves na localidade castellonenca de Almassora, despois de que un home asasinase a súa parella, de 35 anos, diante dos seus dous fillos menores de idade no seu domicilio, situado na zona costeira deste municipio.

Segundo confirmaron fontes do Concello de Almassora, os feitos ocorreron no domicilio familiar e, tras acabar coa vida da súa parella, o home entregouse á Garda Civil.

As mesmas fontes confirmaron que o asasinato da muller, nada en 1984, se cometeu diante dos dous fillos menores da parella.

Pola súa banda, fontes próximas á investigación engadiron que o sospeitoso, José  F. F., se entregou ás 8.25 horas deste venres no cuartel da Garda Civil de Almassora, e alí confesou que a noite anterior matara a súa parella.

Estas fontes sinalaron que non constan antecedentes desta parella no sistema integral de seguimento de casos de Violencia de Xénero do Ministerio do Interior (VioGen).

A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero informou a primeira hora que está a solicitar datos sobre o asasinato desta muller para confirmar se é un novo crime machista.

Se se confirma a súa natureza machista, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero ascendería a 17 en 2020 e a 1.050 desde que comezaron a rexistrarse as estatísticas en 2003.

Ademais, os dous fillos menores de idade sumaríanse aos nove orfos que deixa xa a violencia machista no que vai de ano en España.

No caso da Comunitade Valenciana, esta muller de Almassora sería a terceira vítima mortal en 2020, tras os asasinatos machistas de Moraira (Alacante) en febreiro e de Villanueva de Castelló (Valencia) do pasado 9 de marzo.

O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 51 idiomas diferentes, tamén durante o estado de alarma.