CRTVG

Buscar

Asaltos violentos en varios chalés de Ourense

Publicado o 14/03/2019 14:11

A Guillermo aínda lle custa crer como os ladróns puideron entrar na súa casa mentres eles vían tranquilamente a tele no salón. Ocorreu pasadas as nove da noite e foi grazas a unha veciña situada no outro lado da rúa como se decataron do asalto.

Eran tres os ladróns. Dous accederon ao andar superior da vivenda a través desta galería, despois de destrincar a ventá cun desaparafusador. O terceiro agardaba abaixo e mesmo falou coa veciña.

Os propietarios estaban abaixo, no salón coa porta pechada e non oíron nada. Os ladróns foron directamente ao cuarto do matrimonio e remexeron os xoieiros na busca de ouro.

Apenas tardaron uns dez minutos. Levaban pasamontañas e ao parecer fuxiron nun Audi A3 branco, estacionado na entrada da urbanización. A vítima do roubo non acaba de crer que isto lle puidera pasar.

Dáse a circunstancia que uns minutos antes estivo na zona unha patrulla da Garda Civil na procura dos autores doutro asalto que acababa de rexistrarse en Allariz. Sospéitase que son os mesmos e que agardaron a que a patrulla marchara para actuar en Ourense.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019