Asaltan unha cafetería de Pontevedra e levan diñeiro en efectivo
O dono dun bar de Pontevedra pensou ás sete da mañá, cando ía abrilo, que a persiana estaba subida por un despiste na noite anterior, pero nada máis achegarse e ver a máquina comecartos rebentada xa se decatou do que tiña por diante. Por ruídos que oíron algúns veciños, puido ser ao redor das catro da mañá de onte.
Rafa Rúa Santiago, propietario do Lelé II: "O obxectivo co que entraron a roubar foi a máquina comecartos. Supoño que pensarían que había máquina de tabaco tamén, pero eu non teño. Tamén a caixa rexistradora. Pero, eu son o dono da discoteca Lele de noite, antiga Daniel, e tiña uns cartos aí, que onte tiña que pagar unhas facturas".
Engade que ante ese achado, os ladróns xa pasaron de mirar máis e mesmo deixaron os 340 euros da venda de lotería que tiñan máis á vista. Rafa non quixo cuantificar o valor do roubado: "É bastante considerable. É unha contía, os cartos para pagar saídos do meu traballo, e é bastante considerable, si. Foi unha casualidade. Non adoito deixar diñeiro nesas cantidades. Unha, porque non é normal deixar esta cifra no bar. O que pasa é que ninguén pensa que che van entrar a roubar. E outra, que son un traballador. Non dispoño desas cantidades para andar con elas no peto".
Explica que a súa pretensión era facer o pagamento aproveitando o momento de acompañar un fillo á súa estrea no colexio, pero os ladróns desbaratáronlle os plans e tivo que dedicar a mañá deste xoves ás xestións coa policía.