CRTVG

Buscar

Asaltan unha cafetería de Moaña por segunda vez en dúas semanas

Publicado o 29/11/2019 13:29

Ocorreu na Cafetería Atria na rúa Alcalde Fandiño de Moaña a escasos metros do Concello e da Policía Local. Na madrugada deste venres os ladrón volveron entrar e levaron todos os billetes da máquina comecartos. É a segunda vez que o fan en quince días. Golpean cun mazo este cristal blindado da terraza e logo tamén dan outro golpe limpo co que abren a máquina, polas moedas nin se preocupan.

Os veciños viron dous homes altos e atléticos coa cara tapada que fuxiron nun coche branco antigo. Mesmo chegaron a increparlos. A propietaria do local ten claras dúas cousas, que son os mesmos da outra vez e que controlan os movementos dela e do seu home; sabían ademais que a máquina estaba a tope de cartos porque era inminente a recollida pola empresa responsable.

Ademais, estaban a piques de colocarlle unha alarma, agora pensa se quitar a máquina que é un reclamo para os ladróns, se poñer unha persiana metálica ou unha reixa mentres fala co seu seguro para que repoñan de novo un cristal blindado que da outra vez tivo un custo de 2.500 euros.

A propietaria bota de menos maior presenza policial nunha zona tan céntrica, algo que podería disuadir os amigos do alleo.

Noticias web

29/11/2019