Asaltan un ximnasio de crossfit situado no polígono do Ceao, en Lugo
No polígono lugués do Ceao amencían hoxe coa noticia dun novo roubo na zona. Desta volta foi na nave dun ximnasio de crossfit. O dono decatouse ás nove desta mañá. Está convencido de que os ladróns buscaban cartos porque o remexeron todo, e non levaron nada.
Os ladróns asaltaron de madrugada este box de crossfit de Lugo, situado nun dos extremos do polígono do Ceao. Foi un dos donos do ximnasio o que se decatou do roubo cando se dispoñía a acceder ás instalacións a primeira hora da mañá. Sorprendeuse ao ver a porta entreaberta e enseguida viu que faltaba a pechadura e que o cilindro estaba tirado no chan.
"Como un día normal, vin abrir ás nove da mañá e vin a porta aberta. Pensei que a deixara o home da limpeza, pero decateime de que faltaba a pechadura e entrei e xa vin todo revolto".
Cando accedeu ao interior da nave descubriu todo revolto. Os ladróns remexérano todo, tanto nos caixóns e papeis do mostrador da entrada coma nos vestiarios. Alí a imaxe era esta, a roupa e o calzado de deporte dos usuarios estaba tirada polo chan. Todo apunta a que os ladróns abriron caixa a caixa buscando diñeiro pero foron coas mans baleiras dado que non o deixan aquí nin tampouco material informático de valor. Á falta de ordenalo todo e facer balance non detectaron que levaran material das instalacións pero si roupa e calzado de deporte dalgúns usuarios.
"Revolveron no mostrador da entrada e nos vestiarios. Estaba tirada a roupa e o material dos atletas. Parar paráronse porque no box revolvérono todo, tempo estiveron, non foron cinco minutos. Está claro que viñan buscando cartos porque material non falta nada, só estaba revolto. O material é moi pesado e íalle custar levalo, viñan ao que viñan".
A Policía Científica acudiu á nave onde procederon a tomar pegadas no lugar dos feitos. Agora tentarán tamén recadar as imaxes das cámaras de seguridade dos diversos negocios da zona para tratar de dar cos autores do roubo.