CRTVG

Buscar

Asaltan un restaurante en Sada esnafrando o coche contra a porta

Publicado o 18/07/2019 14:16

Eran as 12:38 da madrugada cando no interior dun restaurante de Sada ocorría isto. Un grupo de cacos entraba no local mediante a técnica da rotura de cristais, introducindo pola porta un vehículo roubado no Materno Infantil da Coruña, segundo fontes da Garda Civil. Actuaron en dous minutos e o seu obxectivo era a caixa rexistradora.

O dono do restaurante explica o seguinte: "A caixa non foron capaces de levala, está ancorada. Levaron unha caixa pequena con cambio, 700 euros máis ou menos, ademais dos danos. Entre portas, persiana... poden ser uns 10.000 ou 12.000 euros".

Para o asalto, os cacos empregaron dous coches. O que usaron para entrar, que logo deixaron no interior do local, e outro en que fuxiron e foi atopado polos axentes no polígono de Betanzos. O dono do restaurante asegura que os efectivos da policía e da Garda Civil non tardaron máis de cinco minutos en chegar ao lugar dende que se activara a alarma, pero tiveron que desprazarse dende municipios próximos, xa que en Sada quéixanse de levar tempo sen patrullas nocturnas.

"O Concello quitou as patrullas de noite, entón estamos desprotexidos. Non queren pagar esas horas e deste xeito os ladróns poden facer o que lles dea a gana", di o dono.

A pesar dos estragos, o establecemento seguiu a súa actividade con normalidade. As imaxes do asalto captadas polas cámaras de seguridade están sendo estudadas pola Policía Xudicial para intentar identificar os catro cacos, unha tarefa que se prevé complicada. Este mesmo restaurante xa sufrira outro roubo no 2015.

Noticias web

18/07/2019