CRTVG

Buscar

Asaltan un local de hostalería en Viveiro co dono dentro

Publicado o 13/01/2020 19:50

Unha banda organizada asaltou un local de hostalería en Viveiro co dono no seu interior. Os ladróns, que ían encapuchados, romperon con mazas o cristal da porta e ameazaron o propietario do negocio. Levaron a recadación da máquina comecartos, que podía ascender a varios miles de euros. 

Tres encapuchados asaltaron este local de hostalería de Viveiro co dono dentro. Os ladróns racharon a golpe de maza o cristal da porta e, unha vez no interior, ameazaron o hostaleiro. En menos dun minuto, rebentaron a comecartos e levaron a recadación, que podía ascender a 2.000 euros.

José Manuel López Gutiérrez, hostaleiro: "Eu estaba aquí acabando para marchar para a casa, ás catro da mañá. De súpeto, sentín un estrondo criminal e saín a correr porque xa me dera de conta de que alguén me estaba golpeando a porta. Cando cheguei ao principio da barra, xa había tres persoas encapuchadas que non me deixaron avanzar máis. Tiráronme as banquetas que teño arredor da barra e ameazáronme con elas para que estivese quieto".

Este é o segundo suceso rexistrado no último mes no mesmo local. Acababa de reabrir había dez días, despois de que a comezos de decembro sufrise un incendio.

José Manuel López Gutiérrez, hostaleiro: "Botei un mes xusto. O incendio foi o dous de decembro o tres de xaneiro, así que levaba dez días aberto".

Xusto despois do asalto, o hostaleiro deu aviso á Comisaría de Viveiro, onde mobilizaron de inmediato os axentes para investigar o acontecido. En canto aos danos no local, superan os 200 euros.

Noticias web

13/01/2020