CRTVG

Buscar

Asaltan un instituto de Tui e levan a caixa forte con 5.000 euros

Publicado o 24/10/2019 14:42

A Garda Civil investiga un espectacular roubo cometido no Instituto San Paio de Tui en que os ladróns burlaron a alarma e levaron a caixa forte enteira que tiña case 5.000 euros.Actuaron de xeito moi profesional, como se fose unha banda especializada, e semella que coñecían moi ben as instalacións do centro.

Contra as seis da mañá, o bedel que reside no recinto do Instituto San Paio de Tui sentiu ruídos e escoitou falar en galego. Cando saíu a ver que pasaba, xa só oíu un coche fuxir ás carreiras. A alarma non saltou, xa que ten entre corenta e cincuenta segundos de cortesía, e foi estragada, aínda que desde a central de alarmas tamén din que desapareceu o sinal desde a noite antes dos feitos, polo que non se desbota que se empregase un inhibidor de frecuencia para evitar que soase a alarma.

Cando accederon ao instituto, observaron diversos estragos, aínda que os ladróns parecían coñecer o centro, que tamén serve de Escola Oficial de Idiomas de Tui. Foron pola caixa forte, en que había case 5.000 euros. Tamén accederon a outras estancias onde pensaron que podía haber cartos, pero rexeitaron coller ordenadores ou mobles.

Ademais dos case 5.000 euros para pagos de axudas de custo e algunha excursión escolar, os ladróns provocaron no centro estragos por valor doutros cinco mil euros. Os estragos xa se van solventando, mesmo a porta de seguridade que protexía a caixa forte. O roubo non incidiu na actividade docente do instituto.

Noticias web

24/10/2019