CRTVG

Buscar

Asaltan un bar en Baralla e a Garda Civil detén os ladróns na Laracha

Publicado o 16/07/2019 15:04

O bar Centro de Baralla foi o escollido polos ladróns para dar o golpe. Forzaron a porta principal e, unha vez no interior, rebentaron a máquina de tabaco e roubaron o caixón dos cartos.

"Espertei cos ruídos, escoitei tres golpes. E o coche levaba a matrícula tapada".

Ao soar a alarma, os tres delincuentes, que circulaban nun coche de alta gama coas placas da matrícula tapadas, emprenderon unha veloz fuxida pola A-6, en dirección á Coruña. Daquela mesmo, axentes da Comandancia da Garda Civil da Coruña, coordinados cos de Lugo, comezaron a seguirlles a pista. Foi no lugar de Paiosaco, na Laracha, onde tiveron o primeiro contacto co vehículo dos ladróns.

"En Paiosaco xa os localizaron e colleron un deles. Os outros dous fuxiron...".

Os dous que lograron fuxir fixérono monte a través. Pero máis tarde achegáronse a este local do centro da Laracha e aquí mesmo foron sorprendidos por axentes policiais.

"Aquí había axentes da Secreta... foi unha casualidade porque pensarían que marcharan para a casa...".

Agora, os tres delincuentes permanecen detidos nos calabozos da Garda Civil de Carballo á espera de pasaren a disposición xudicial nesa mesma localidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/07/2019