CRTVG

Buscar

Asaltan por segunda vez unha empresa de automoción de Outeiro de Rei

Publicado o 13/01/2020 13:02

Dous asaltos en tres meses. Unha empresa de automoción de Outeiro de Rei está no obxectivo dos ladróns. Desta vez os amigos do alleo marcharon coas mans baleiras, a pesar dos seus esforzos por intentar roubar algúns dos vehículos que se expoñen na súa explanada. Intentárono ata en tres dos coches que hai á venda. En dous deles forzaron as pechaduras, pero non lograron entrar no interior. Nun terceiro, aínda que si accederon ao vehículo, logo non foron capaces de arrancalo. Todo isto despois de remexer na oficina do negocio en busca, sen éxito, das chaves dos turismos.

Foi precisamente a través da fiestra da oficina, tras rebentar os barrotes da mesma, como conseguiron acceder ás instalacións. Esta tentativa de roubo prodúcese tan só tres meses despois de sufrir outro. Daquela os ladróns lograran levar un vehículo de alta gama que logo empregaron para intentar asaltar esta empresa de máquinas expendedoras que hai no polígono das Gándaras, de Lugo. Esnafraron o vehículo contra o portón da nave cando no interior estaban as traballadoras da limpeza que se esconderon no baño.

Todo quedou rexistrado nas cámaras de seguridade. O coche era localizado días despois pola Garda Civil, totalmente calcinado. Os ladróns abandonárono nunha pista forestal do concello de Guntín.

Noticias web

13/01/2020