CRTVG

Buscar

Asaltan, por cuarta vez nun mes, unha gasolineira preto de Ferrol

Publicado o 14/10/2021 13:55

A contorna de Ferrol volve sufrir un asalto semellante aos das semanas pasadas. O ladrón esperou a que chegase a hora de pechar esta gasolineira de Cabanas. Achegouse andando tranquilamente e dixo que quedara sen gasolina no coche. Pediu unha garrafa de combustible. O empregado entrou nas instalacións para coller o recipiente. Unha vez dentro, actuou moi rápido. Viu como chegaba un coche ao lugar e rapidamente botouse á caixa dos cartos.

Jessyca Maroño, encargada da gasolineira: "O primeiro que fixo foi meterse para dentro do mostrador, abriu a caixa rexistradora, nesa caixa o único que hai son moedas. E encarouse co meu compañeiro, que lle dera os cartos que tiña. Si é verdade que o empuxou e o tirou ao chan, non é moi difícil tendo en conta que el era un home alto e moi forte e o meu compañeiro é pequeno e miúdo. Díxolle, non queiras que me enfade, o meu compañeiro abriu a carteira xa por medo a que tivera algo, hai dez días que houbo un roubo cun coitelo e tiña medo de que puidese ter unha arma".

Levaba a máscara hixiénica, un gorro e luvas para dificultar a súa identificación. A descrición coincide cos últimos atracos cometidos na zona de Ferrol.

Jessyca Maroño, encargada da gasolineira: "Estabamos medianamente tranquilos porque, malia que non hai unha afluencia alta, nesta estación sempre hai xente, entra un coche e sae outro. E pensamos que se había xente non o farían. Pero a vista está que fixérono igual".

O ladrón fuxiu a pé e pensan que tiña un coche ou un cómplice esperando para liscar polas pistas da contorna. Sospeitan que estivera con antelación no lugar para preparar o asalto.

Noticias web

14/10/2021