CRTVG

Buscar

Asaltan o chalé de Roberto Verino e levan xoias valoradas en 35.000 euros

Publicado o 12/06/2018 14:02

A Garda Civil busca os ladróns que asaltaron o chalé do deseñador Roberto Verino a fin de semana pasada, no lugar de Pazos, no concello ourensán de Verín. Levaron 35.000 euros en xoias e causaron danos valorados noutros seis mil euros. Sospeitan que o roubo foi na madrugada do domingo, pero non transcendeu ata que o descubriron os traballadores da adega do deseñador.

Malia ser unha propiedade cerrada, con valado exterior e con sistema de videovixilancia, os ladróns conseguiron acceder a fin de semana pasada ao chalé que o deseñador Roberto Verino ten na súa localidade natal, no concello ourensán de Verín. Unha edificación en que comparten espazo a vivenda e a adega do deseñador, Terra do Gargalo, en que produce viño da denominación de orixe Monterrei. 

Foron precisamente os traballadores da adega os que descubriron o roubo cando foron traballar este luns. Malia que na adega rexeitaron facer declaracións ao respecto, fontes próximas á investigación confirman que os ladróns levaron xoias valoradas en 35.000 euros. Para acceder a elas, ocasionaron danos en portas e mobiliario, por importe doutros seis mil euros segundo a taxación da denuncia.

Na zona ninguén viu os ladróns. A vivenda está situada a un quilómetro do castelo de Monterrei, ao pé da estrada pero afastada doutras casas e naves da zona. O máis próximo é o lugar de Pazos, onde estiveron preguntando os axentes á procura dalgunha pista sobre os movementos dos ladróns. Sospeitan que poida tratarse dunha banda profesional que estivera inspeccionando previamente a zona.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/06/2018