CRTVG

Buscar

Asaltan dúas naves no polígono industrial de Vilalba

Publicado o 11/11/2019 13:43

Dúas naves do polígono industrial Sete Pontes de Vilalba sufriron senllos asaltos na mesma noite. Primeiro accederon ás instalacións dunha empresa metalúrxica, onde se fixeron coa recadación das máquinas de 'vénding', cunha carretilla eléctrica e con diversas ferramentas, como un trade, un martelo ou unha carretilla de man, que logo empregaron para intentar roubar a caixa forte da empresa de automoción que se encontra á beira mesmo.

Miguel Lombó, encargado da empresa metalúrxica: "Aquí entraron para levar o carto solto. Rebentaron as máquinas expendedoras que temos, unha de café e a outra de produtos variados, e levaron a recadación e o cambio que teñen. Logo levaron algo de ferramenta para intentar abrir a caixa forte do concesionario de coches que temos ao lado e cargala nun furgón coa intención de levala".

Na empresa de automoción tamén levaron cartos en efectivo das oficinas. En total, o botín dos asaltos non superou os 2.000 euros. Os ladróns trataron de levar tamén a caixa forte, pero non foron capaces debido ao seu gran peso. Finalmente, tiveron que deixala no medio da nave xunto coa carretilla de man e un furgón que tamén intentaron subtraer.

José Janeiro, dono da empresa de automoción: "Encontramos todo revolto, varias das portas forzadas e a caixa forte golpeada e tirada no medio do negocio. Chamamos a Garda Civil, estivo aquí a policía xudicial sacando impresións dixitais e aínda estamos avaliando os danos que se puideron producir e o roubo que se puido realizar".

Estímase que os danos ocasionados nesta nave superan a contía do botín subtraído. Tras as denuncias presentadas por ambas as dúas empresas, a Garda Civil investiga agora a autoría destes feitos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/11/2019