CRTVG

Buscar

Asaltan dous restaurantes en Santiago na mesma noite

Publicado o 22/11/2019 13:07

Uns descoñecidos asaltaron un restaurante do barrio compostelán de San Lázaro a madrugada do xoves. Rebentaron a máquina comecartos, arrincaron o televisor da parede e apoderáronse dos cartos que atoparon e dun teléfono móbil. Na súa fuxida deixaron aberta a porta de par en par e uns estragos considerables. 

Teresa Fuentes, dona da Brasería Tere: "Sobre 2.000 ou 2.500 euros, máis ou menos. En cartos 600 euros. Nunca deixo cartos na rexistradora, pero foi porque a comecartros deu un premio especial e deixeino aí."

A mesma noite, a alarma dun restaurante do polígono da Costa Vella activouse pasadas as tres da mañá. Aínda que o sistema de seguridade bota un gas lacrimóxeno, os ladróns conseguiron apoderarse do cambio que quedara na caixa e da recadación da comecartos. Intentaron roubar o televisor pero non o conseguiron. 

Gonzalo Grela, encargado do restaurante Rey's: "Nun espazo de tempo de 5 minutos aproveitan para entrar, fórzanche a porta cunha facilidade abraiante. Imaxino que sería un par, un dedícase á caixa, outro á comecartos, e a escapar deixando atrás a destrución que deixan. A iluminación pública está apagada moitas noites. A facilidade para eles é total. Hai moi pouquiña seguridade".

Suponse que foron os mesmos delincuentes os que roubaron nos dous locais. A Policía Científica buscou pegadas para identificalos, pero ao parecer actuaron provistos de luvas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/11/2019