Asaltan dous bares no centro de Foz
A sorpresa chegou a primeira hora da mañá, cando Ana María se dispoñía a abrir este bar que rexenta dende hai 30 anos en Foz. Cando ía meter a chave xa notou algo raro na pechadura e avisou o seu home.
O roubo produciuse de madrugada e, malia que viven xusto encima do bar, non se decataron de nada. Con todo, cren que o asalto foi moi rápido e que os ladróns buscaban billetes. Foron directos á máquina comecartos e da rexistradora nin sequera se molestaron en coller as numerosas moedas que había. Tampouco tocaron a máquina de tabaco nin a lotaría.
Na mesma noite os ladróns tamén asaltaron este outro bar de Foz. Aquí as perdas foron máis elevadas, dado que ademais de danar e levar o diñeiro da máquina comecartos fixeron tamén o mesmo cunha máquina de cobro automático, polo que valoran os danos en preto de 10.000 euros.
Agora, a Garda Civil xa iniciou unha investigación para tratar de dar cos autores dos roubos.