CRTVG

Buscar

Asaltan de madrugada dous bares do centro de Monforte empregando un inhibidor de alarmas

Publicado o 08/11/2019 13:54

Os roubos producíronse en ambos os dous establecementos en poucos minutos e os ladróns usaron o mesmo método. Forzaron a porta de entrada e romperon as máquinas comecartos para conseguir a recadación, pero non tocaron as caixas rexistradoras nin a mercadoría.

Nunha cafetería levaron a peor parte, xa que, ademais da comecartos, os autores do asalto romperon a máquina de apostas e a expendedora de tabaco. Primeiro tentaron entrar por unha ventá da rúa secundaria e, ao non conseguilo, dirixíronse á entrada principal. Tamén levaron o equipo de música.

"Forzaron a entrada e romperon a comecartos, a máquina do tabaco e a das apostas. Tamén levaron todo o equipo de música".

Noutro local, situado a menos de dez metros, os ladróns forzaron a entrada lateral, que tamén da á rúa secundaria e, segundo a policía, utilizaron un inhibidor de alarmas, xa que esta non soou, malia estar en perfecto estado. O dono do establecemento cre que se trata dunha banda especializada pola velocidade coa que actuaron e polo feito de utilizaren un inhibidor.

"Se cadra fai falta máis vixilancia, pero é algo moi puntual. O que parece é que era unha banda especializada".

Ambos locais están na avenida de Galicia, unhas das máis poboadas e transitadas de Monforte, pero ninguén viu nin oíu os ladróns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2019