CRTVG

Buscar

Asaltan cunha marra un bar de Carballo

Publicado o 04/09/2020 13:53
A Garda Civil busca dous homes que puideron levar uns 1.000 euros da máquina comecartos

O barrio da Milagrosa en Carballo é unha zona céntrica, concorrida, iluminada. Nada diso lles importou aos ladróns. Tampouco que o cristal do Bar LB fose de seguridade. "Debeu ser cunha marra porque este cristal é bastante forte, é blindado. Os veciños sentiron os golpes e chamaron", comenta Susa Suárez, dona do bar LB.

Os axentes tardaron pouco en chegar pero os ladróns saben que non poden distraerse. Foron directos á máquina comecartos. Abrírona coa mesma marra e levaron os billetes. Non perderon o tempo nin coas moedas. "Ao mellor 1.000 euros tíñaos. Levaba unha semana e pico sen recadar. Non todas as semanas son iguais pero agora como estamos a finais de mes eu creo que tiña bastante", calcula Susa.

A Garda Civil sacou fotos e tomou pegadas dos asaltantes. Levaban pasamontañas. Os veciños que os viron describíronos. "Parece ser que son dous homes, miúdos, delgados... o burato era pequeno...", di Susa.

Os asaltos das últimas semanas nas comarcas da Costa da Morte e de Bergantiños semella unha lección de xeografía: "A Silva, Paiosaco, Caión, A Laracha, Cerqueda, Pazos, creo que Baio... en varios sitios", relata. Susa puxo a denuncia correspondente e agora agarda que lle cambien o cristal para poder seguir traballando no seu renovado local.
 

Noticias web

04/09/2020