CRTVG

Buscar

Asaltadas catro naves no polígono industrial de Carballo

Publicado o 14/05/2019 14:02

Empresarios do polígono industrial de Bértoa, en Carballo, denunciaron catro asaltos a naves durante a fin de semana pasada. Consumáronse dous roubos. A partir do mes de xuño van pechar os accesos ao polígono polas noites, como medida disuasoria fronte aos delincuentes.

Catro propietarios de naves no polígono industrial de Bértoa, en Carballo, denunciaron roubos ou intentos de roubo a fin de semana pasada.

Neste almacén están a reparar os estragos que causaron os ladróns no tellado e nas oficinas. 

Jacobo Infante, Distribuciones Seoane e Hijos: "Só levaron diñeiro. Había aparellos electrónicos, pero só levaron diñeiro. Non adoitamos deixar moitos cartos, pero non sabemos canto levaron".

O sistema de vixilancia deste local captou como os delincuentes subiron ao tellado da nave, a unha altura de sete ou oito metros, axudados con cordas.

Jacobo Infante, Distribuciones Seoane e Hijos: "Eran catro. Nas cámaras vense catro. Non se identifican porque ían encapuchados. Eran delgados, áxiles. Seguro que non é a primeira vez que o facían".

Todos os asaltos aconteceron a noite do venres ao sábado. Entre os case douscentos empresarios asentados neste polígono hai preocupación. 

Pablo Rodríguez, xerente da comunidade de propietarios do polígono: "O polígono de Carballo é seguro pero estes sucesos xeran inquedanza e molestias porque queda unha sensación de indefensión".

En quince días van poñer en marcha unha das medidas para mellorar a seguridade e poñérllelo difícil aos ladróns: o peche dos accesos ao polígono polas noites. 

Pablo Rodríguez, xerente da comunidade de propietarios do polígono: "A partir do 1 de xuño imos pechar o polígono de 12 da noite a 6 da mañá. Consideramos que é unha medida que vai axudar a mellorar a seguridade".

O peche nocturno completarase coa posta en marcha de cámaras de vixilancia nas rúas do polígono.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/05/2019