CRTVG

Buscar

Asalta varios negocios nunha mesma noite en Taboada e leva máis de 4.000 euros

Publicado o 27/11/2019 14:03

Varios negocios do centro de Taboada foron asaltados en cuestión de horas polo mesmo ladrón, que se fixo cun botín de máis de 4.000 euros en efectivo. A maior parte dos cartos foron subtraídos nunha clínica veterinaria, de onde levou uns 3.000 euros. Destes, 2.500 correspondían á recadación de participacións de lotería en favor dunha asociación en defensa dos animais abandonados.

María Barbosa da Silva, propietaria da clínica veterinaria: "Vin que estaban todos os papeis no chan, todo remexido, e faltaba a caixa. Era unha caixa normaliña dos cartos, con chave, e levárona. Sempre levo o diñeiro para a casa, pero xusto me esquecín de levar o sobre da lotería que vendemos dunha asociación de animais abandonados. Como non son cartos meus, non me gusta andar con eles por aí, pero, desgraciadamente, esquecinme da caixa e levárona tamén. Levaron premio".

Na mesma madrugada, o mesmo ladrón asaltou outros dous negocios de Taboada. Neste bar fíxose cuns 800 euros da máquina do tabaco, da comecartos e mais da caixa. Tamén entrou a roubar neste outro establecemento, de onde levou 500 euros en efectivo, e intentou acceder, sen éxito, a esta outra cafetería. Nos locais con videovixilancia, as cámaras de seguridade captaron o asaltante, que portaba unha lanterna na cabeza.

Luis Ángel Fontao, hostaleiro: "Polo que vin das miñas cámaras, entre as dúas e as catro da mañá veu un home, meteuse por atrás e intentou forzarnos a porta do garaxe. Rompeu o clindro da pechadura pero non deu entrado. Volvémolo ver baixar e marchar cara aos bares de abaixo. Alí parece ser que roubou nunha clínica veterinaria e no bar Devezo. Despois volveu para aquí, cara á cafetería Scala, volveu mirar, cruzou e debeu de ser cando roubou no Muxicas".

Unha vez denunciados os roubos, a Garda Civil investiga agora a súa autoría.

Noticias web

27/11/2019