CRTVG

Buscar

As xuntas dos cárceres propoñen o segundo grao para os presos do 'procés'

Publicado o 11/12/2019 20:46

As xuntas de tratamento das 3 cadeas onde están os presos independentistas piden que se lles aplique o segundo grao. Isto significa que seguirán en prisión pero poderán acollerse ao artigo 100.2 do réxime penitenciario, que permite saír para traballar ou facer voluntariado.

A decisión, como explicaba o secretario de Medidas Penais catalán, tomouse "despois dun intenso debate e sen unanimidade". Tampouco foi unánime o ton co que os partidos independentistas recibiron a noticia. Onde Esquerra optaba pola prudencia.

Sergi Sabrià, de ERC, dixo que "respectamos a decisión que se tomou hoxe respecto das cualificacións, pensamos que é unha decisión técnica".

Junts per Cat esperaba que se lles permitira ir a cadea só a durmir.

Josep Costa, JxCat: "Esta decisión podería ser outra. Estamos decepcionados no sentido de que un terceiro grao penitenciario tamén era posible".

O Partido Popular ten graves sospeitas de que a decisión sexa froito da negociación PSOE- Esquerra.

Javier Maroto, voceiro do PP no Senado, dixo: "Esixímoslle a Sánchez que dea a cara, que explique sen ningunha dúbida se está negociando con Junqueras beneficios penitenciarios para os políticos que deron un golpe de Estado contra a democracia no noso país".

E en Comú Podem pide a súa saída da cadea canto antes.

Jaume Asens, de En Comú Podem, mantén que "queremos que os presos teñan os mesmos dereitos que o señor Urdangarin que, a pesar de estar clasificado en segundo grao, está saíndo a traballar".

A decisión final sobre o segundo grao están agora en mans da Consellería de Xustiza da Generalitat.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí