CRTVG

Buscar

As xogadoras do CRAT asimilan o título de campioas de liga

Publicado o 26/03/2019 18:48

A tolemia desatouse no campo das Terrazas de Alcobendas. O CRAT era novamente campión de liga.

Melani Abad: "Moi louco todo, dixéronnos pasa por aquí, e de súpeto estabas cunha medalla no pescozo e foi todo como moi rápido. Eu creo que ata que estivemos no autobús non tivemos tempo a asimilar o que estabamos vivindo. Sabiamos que estabamos aí, que estabamos facendo historia e que era algo importante. Ata hoxe que nos levantamos pola mañá e falamos entre nós non nos decatamos de que somos campioas de España e caramba".

Pero o certo é que as campioas apenas tiveron tempo para gozar da súa fazaña.

Micaela Martínez: "O partido rematou á 1, ás 3 no autobús e ata as 11 metidas nun bus e hoxe pola mañá moitas ás 8 xa estamos traballando pero os compañeiros saúdan, dan os parabéns, algo é algo".

Porque as xogadoras do CRAT son amateurs, viven o deporte dende a paixón e o sacrificio.

Melani Abad: "Eu son mestra e estou preparando unha oposición. Ás veces preguntámolo nós, que estou facendo aquí, adestrándome baixo a choiva, pero ten algo. É puro esforzo e puro sacrificio, hai un par de semanas eu vía que as enerxías chegaban xustas, xustas para o final da temporada".

E malia iso, hoxe son campioas.

"A fe no sistema de xogo e na compañeira que teño ao lado e pensar que xuntas somos capaces do que nos propoñamos".

E o que se propuxeron foi gañar unha liga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2019