As xestorías prepáranse para a campaña da renda, que comeza mañá
Este mércores comeza o prazo de presentación das declaracións da renda e patrimonio, unha campaña atípica que arranca en pleno confinamento pola pandemia de coronavirus, e que coincide co prazo de presentación das declaración do IVE para autónomos e pemes.
As xestorías galegas prepáranse para facer fronte a este forte incremento da carga de traballo que se prolongará, no caso da Reda, ata finais de xuño. As xestorías galegas afrontan unha primeira metade de abril complicada ao coincidir o inicio da campaña da renda co prazo de presentación das declaracións trimestrais do IVE, retencións e pagos a conta para autónomos e pemes.
Por ese motivo xa solicitaron a Facenda unha prórroga para tramitar estes tributos atendendo ao volume de documentación e a situación de confinamento.
"Aquí falamos de 20 días e un manexo de documentación moito máis grande".
Aínda que a campaña da Renda dura tres meses, desde o sector son conscientes da importancia que para os contribuíntes supoñen as devolucións do IRPF.
"Preto dun 80% son a devolver e entendemos que nesta situación económica precisan esa devolución e precisan calquera tipo de axuda".
Entre as novidades desta campaña está a simplificación da información relativa ao domicilio fiscal e a unificación nun mesmo apartado de toda a información relativa aos inmobles propiedade do contribuínte.