CRTVG

Buscar

Galicia conxélase con fortes xeadas e termómetros que chegan aos 9 graos baixo cero

Publicado o 07/01/2019 21:36

Segue o frío e para esta madrugada están activados varios avisos amarelos por temperaturas extremadamente baixas. Un deses lugares que está en alerta por frío é esta comarca do Carballiño, onde poderán chegar nas próximas horas aos menos 4 graos baixo cero. Tamén están en aviso nesta provincia de Ourense O Ribeiro, Valdeorras e as comarcas do sur. No sur de Lugo tamén manteñen o aviso amarelo. O frío seguirá acompañándonos nos próximos días. O mércores unha masa de aire polar entrará polo noroeste e as temperaturas serán máis baixas. Ademais, o vento fará que a sensación térmica sexa aínda máis baixa. Así que, toca abrigarse.

As xeadas esténdense por todo o interior de Galicia. As catro provincias rexistraron temperaturas baixo cero esta noite. Aínda que Ourense volve ser a máis xélida, o mercurio rozou os menos cinco graos no concello pontevedrés de Ponteareas, nos coruñeses de Ordes e Carballo e en varios da metade sur de Lugo, desde Castro de Rei a Quiroga. Tempo frío e despexado que ten a súa razón de ser nun anticiclón de bloqueo, situado ao norte de Francia.

Alberto Romero, meteorólogo de Meteogalicia: "Está situado entre Francia e Inglaterra, permitindo estabilidade en Galicia. Provoca que as borrascas se sitúen máis ao norte, en Irlanda, e Galicia non colle o seu radio de acción".

As longas noites de xaneiro e o fenómeno da inversión térmica, fan que as xeadas e o frío sexan máis intensos nos vales que nas zonas de montaña. E así está previsto que siga o tempo durante toda a semana.

Alberto Romero, meteorólogo de Meteogalicia: "Estamos vendo que a influencia anticiclónica vaise manter os vindeiros días. As xeadas tamén van continuar en case toda Galicia, agás no litoral. Tempo seco e soleado en xeral, aínda que mércores e xoves pode haber algunha precipitación feble no norte de Galicia e da Coruña".

A oscilación térmica é tamén destacable. Ata vinte graos de diferenza se chegaron a rexistrar entre a noite e as horas centrais do día.

En Ourense

É o río Limia, ao seu paso por Xinzo. Tras unha semana de noites xélidas, cos termómetros todos os días por debaixo dos menos 4 graos, hai treitos coma este, á sombra, onde a auga está conxelada. Estamos no tempo das xeadas aínda que a primeira hora parece máis ben neve.

Os termómetros na Limia caeron esta noite ata os 9 nove graos en Calvos de Randín, o mesmo que en Verín. En Ourense capital case menos cinco e en Xinzo, roldaron os menos oito. Unha friaxe que se mantivo ata ben entrada a mañá.

Valor e sobre todo moita precaución á hora de coller o coche xa que as placas de xeo complican a circulación, especialmente nas estradas locais onde non dá o sol en todo o día. 

Nas horas centrais os termómetros subirán ata os 14, 15 graos pero non se confíen porque agardarnos outra noite xélida con boa parte da provincia de Ourense con valores por debaixo dos -4 graos.

Nas Rías Baixas

Loce o sol e poucos poderían crer que as mañás tamén son frías na Rías Baixas. Porén, a situación cambia ao longo da xornada. Nas Rías Baixas os termómetros acadarán os dezaoito graos, unha temperatura pouco habitual para esta época do ano. E cando o sol é protagonista énchenos de enerxía para bailar na praia ou para apostar por paseos e pés descalzos a carón do mar gozando do lecer ao aire libre. 

Hai quen pensa que esta non é unha situación normal. Aínda así, case todos agradecen que estas temperaturas tan agradables queden nas Rías Baixas durante uns días máis.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2019