CRTVG

Buscar

As vodas que non detén o coronavirus

Publicado o 30/05/2020 21:06

Sara e Pablo casan o próximo 19 de setembro. É a data orixinal do seu enlace, a que fixaran meses antes de que o coronavirus conxelara proxectos e plans. O estado de alarma sumiu nun mar de incertezas a planificación da voda. Sara conta: "El tomouno ben, pero eu non tanto. Teño familia no estranxeiro e era o hándicap de se ían poder vir ou non. Agora que estamos volvendo pouco a pouco á normalidade vouno levando mellor".

Decidiron seguir adiante e esperan que haxa final feliz. A celebración será no pazo Libunca, con cento corenta invitados cos que queren compartir un día especial, con apertas, sen máscaras, con bicos e sen distancias.

Para Pablo, "se non pode ser como queremos, se hai impedimentos, se hai que poñer máscaras, é mellor non celebrala. A voda son sentimentos. Non ten sentido se non podemos darnos dous bicos ou apertas".

Son optismistas, pero, se a situación empeora e o enlace que queren non pode celebrarse en setembro, intentarano de novo en decembro.

Iago e LLanos cambiaron a data inicial da súa voda do 4 de xullo ao 28 de agosto. Coñecéronse en Barcelona, viven en Albacete, peso casarán na Coruña.

"Cando vives un episodio así decátaste da importanica de estar xuntos e de estar máis en contacto coa famlia e cos amigos. Era como dicir 'pasámolo mal, pero merecemos unha festa'", explica LLanos.

Iago engade: "Non sabemos como será a voda, sabemos que non será como se non pasase nada, pero será un día moi fermoso e podermos gozar del".

Non teñen présa pola lúa de mel. Pasarán as vacacións en Galicia.

Noticias web

30/05/2020