As vítimas do accidente do Alvia piden a dimisión do cargo de Adif imputado

A plataforma de vítimas do accidente do Alvia presidida por Jesús Domínguez esixe a dimisión de Andrés Cortabitarte do cargo de libre designación que ocupa arestora no Adif. O que fora xefe de seguridade do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias no 2011, cando se puxo en marcha a liña ferroviaria Santiago-Ourense, está imputado na causa aberta para esclarecer as circunstancias do sinistro.
Nun comunicado, a asociación pide tamén que os ex-ministros de Fomento Ana Pastor e José Blanco "pidan perdón, asuman a súa responsabilidade" e deixen todo cargo público. Ademais, lamenta que non vaia haber máis persoas axuizadas na vista oral pendente de data.
O colectivo de vítimas insiste no comportamento neglixente de Adif, de Fomento e do operador Renfe que, segundo di, tivo "constancia por escrito" da perigosidade da curva da Grandeira, á altura do barrio compostelán de Angrois, onde se produciu o descarrilamento o 24 de xullo de 2013.
Dimisións en bloque
A plataforma demanda ademais dimisións en bloque na Comisión de Investigacións de Accidentes Ferroviarios (CIAF) por responsabilizar só o maquinista do tren na súa investigación técnica.
Ao respecto, lembra que esta organización de vítimas sempre dixo que o "erro humano" do condutor que, tras unha chamada do interventor de a bordo non puido reducir a velocidade, non era a única causa.
O maquinista, Francisco Garzón Amo, e o xefe de seguridade de Adif no 2011, Andrés Cortabitarte, unha vez pechada definitivamente a instrución, son as únicas persoas que serán procesadas polo accidente do tren en Santiago, en que faleceron 81 persoas e 140 quedaron feridas.
Resposta de Ábalos
O ministro de Transportes e Mobilidade, José Luis Ábalos, asegurou que non se pode despedir a Andrés Cortabitarte porque non hai ningunha sentenza ao respecto e “o que teña que ser” deberá resolvelo a xustiza.
Na rolda de prensa posterior á reunión co presidente da Xunta, salientou que cumpriu coa súa palabra ao apartar este e outros altos cargos das súas responsabilidades en canto se fixo cargo do Ministerio.
“Este empregado non ten ningunha responsabilidade en materia de seguridade. O que non podemos é despedilo porque é un traballador sobre o que aínda non pesa unha sentenza que o inhabilite”, advertiu.
Segundo dixo, “fixemos canto se nos pediu dentro dos límites legais no noso poder” e reprochou que poida haber “dúbidas” sobre a súa intención cando onte apostou pola “colaboración coa xustiza, a reparación das vítimas e a empatía con elas” neste caso.
Ábalos declarou que non se pode ser “arbitrarios” neste asunto e hai que agardar a que se “aclaren e depuren as responsabilidades”, para o que comprometeu toda a axuda do seu departamento.
Tamén asegurou non ter capacidade para reabrir unha comisión de investigación sobre o accidente porque “é independente”. Porén, lembrou que froito daquel caso xa existe un proxecto do Goberno para facer unha comisión de investigación de accidentes e dotala de recursos.