As visitas ás illas Cíes, un éxito tamén con gorro e bufanda
Publicado o 15/01/2019 19:46
Ás Cíes, con polar e guantes, e non con traxe de baño: as illas atlánticas están a ser un dos reclamos turísticos deste inverno, con visitas guiadas as fins de semana, máis económicas e, sobre todo, sen aglomeracións. Os menores de doce anos viaxan gratis, e tamén hai guías en inglés.
As visitas de inverno ás illas Atlánticas comezaron a ponte de decembro pasada, cunha media de máis de cento vinte pasaxeiros. Unha viaxe ao paraíso para os amantes da natureza, do sendeirismo, e para quen desexe organizar un plan especial.
E mentres a chuvia o permita, as viaxes ás Cíes continuarán os sábados do inverno ata o comezo da temporada forte do turismo nas illas.