CRTVG

Buscar

As vilas da raia quedan sen movemento debido ao confinamento portugués

Publicado o 02/02/2021 15:19

Ao outro lado da raia levan días nun confinamento xeral, pero as restricións nas fronteiras asfixiaron aínda máis as relacións de galegos e portugueses. E en vilas como Valença é moi evidente.

Despois de décadas unidos, pontes coma esta que conecta Tui e Valença non son unha fronteira son, en boca dos veciños, rúas das súas vilas. Valença hoxe, como moitas outras vilas da raia son poboacións sen movemento. As tendas están pechadas polo confinamento xeral, pero dinnos que daría igual abrilas porque aquí, insisten, viven do visitante galego.

Isto é froito dunha das medidas máis duras da terceira vaga que ten Portugal sumido nunha catástrofe sanitaria con case 8 veces máis mortos ao día que na primeira vaga. Mañá chega a axuda dende Alemaña. 26 médicos especializados en medicina intensiva que traen consigo camas de campaña e ventiladores. 

Un dos pasos fronteirizos máis transitados de España pechado. O orgullo da eurovidade Tui-Valença que separa de novo os veciños. Temos que percorrer un bo anaco as rúas de Valença para encontrar algún establecemento aberto. Jaime, fillo de galegos, leva 40 anos atendendo este quiosco-cafetería que agora no confinamento xeral pode abrir porque vende xornais. 

Imos ata a parte turística da vila, A Fortaleça. Alí todo pechado, hoxe a chuvia substitúe os clientes. E precisamente dende A Fortaleça é dende onde mellor se ve Tui. Os veciños galegos máis próximos que volven estar lonxe.

Noticias web

02/02/2021