CRTVG

Buscar

As vespas velutinas atemorizan os veciños dun edificio de Poio

Publicado o 30/07/2021 14:20

Os veciños desta urbanización de Campelo, no concello de Poio, non conseguen librarse das vespas velutinas. Fixeron o seu niño no tellado do edificio e os residentes vense obrigados a teren as fiestras pechadas.

"Non podemos deixar nin o can no balcón, ten que estar todo pechado". "A unha veciña entráronlle 12 velutinas na casa, estamos intranquilos", din os veciños.

Aseguran qque se senten impotentes. Puxéronse en contacto con Seaga, a empresa pública encargada de retirar os niños, co grupo de emerxencias e con Protección Civil, pero aseguran que ao estar no tellado da vivenda non entra dentro das súas competencias.

"Seaga non pode subir aos tellados, di que iso non entra no seu contrato, o GES di que non ten arneses para retirar os niños, os bombeiros din que non están para eso e Protección Civil di que se os profesionais non soben, eles, que son voluntarios, tampouco van subir", asegura un veciño.

Ante esta falta de resposta, teñen que tomar solucións pola súa conta. Polo momento poñen trampas para evitar que as velutinas entren nas vivendas, aínda que saben que non resolverá o problema.

"Dixéronnos que chamemos algunha empresa especializada na retirada de velutinas e que teñan persoal especializado en subir aos tellados. Hai un baleiro legal nestes casos".

Recoñecen que non terán máis solución que contratar os servizos dalgunha empresa privada que retire o niño do tellado.

Noticias web

30/07/2021