CRTVG

Buscar

As verbenas terán que se adaptar a condicións que ocasionan anulación de xiras

Publicado o 21/06/2020 19:34

Este ano, como ocorre en todos os sectores, as verbenas vanse ter que adaptar a unhas novas condicións. Haberá un límite de afluencia dunhas mil persoas e medidas de distancia física. Con esta situación, a orquestra Panorama anunciaba esta semana que cancela a súa xira ata o verán do 2021. No sector denuncian que, malia as medidas de seguridade, os concellos anularon xa o 95 por cento das contratacións, e iso, din, abócaos ao peche.

As verbenas da era poscovid-19 serán moi diferentes ás que coñecemos. As orquestras poderán retomar as actuacións a partir do 1 de xullo, pero deberán adaptarse á nova normalidade e seguir as medidas de hixiene, distancia física, etc., e coa afluencia limitada a unhas mil persoas, dependendo dos espazos.

Eses protocolos marcados pola Xunta coñecerémolos máis polo miúdo previsiblemente o vindeiro luns, pero o sector denuncia que a pesar das medidas de seguridade, un 95 por cento das contratacións están xa canceladas.

As orquestras defenden que a súa actividade é segura para o público. Se a situación non cambia, advirten que se aboca o sector ao peche. Lembran que desta actividade dependen máis de 3.000 empregos.

Noticias web

21/06/2020